Luis el Patrón

Benvidos ao meu Blog, grumetes!

I Congreso Aliméntate Ben

Os días 03 e 04 de maio celebrouse no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela o I Congreso Aliméntate Ben enmarcado no Plan Proxecta e organizado polas Consellerías de Sanidade, Mar, Educación e Medio Rural e coa colaboración do IGCC e Sogama.

O primeiro día os protagonistas foron os/as alumnos/as de infantil, primaria e educación especial que presentaron os seus proxectos ao público asistente e foron avaliados polo xurado. Durante a xornada participaron nos diferentes obradoiros organizados polas consellerías e visitaron os stands do proxecto O Sabor da Aventura está no Mar para realizar diferentes actividades: coñecer o mundo do mar, identificar e 
​coñecer os tamaños mínimos de diferentes moluscos, recoñecer o hábitat das distintas especies mariñas, valorizar o oficio das redeiras e familiarizarse cos aparellos utilizados no marisqueo​ e na pesca artesanal.​

Tras a deliberación do xurado o centro gañador foi o CEIP Ramón de Artaza y Malvárez de Muros que recibiu o premio de mans do Conselleiro de Sanidade que clausurou o primeiro día de Congreso.

A segunda xornada adicouse aos centros de Secundaria que deron a coñecer os seus proxectos na xornada da mañá tanto a través de exposicións orais como de demostracións nos seus stands ao público asistente. Así mesmo participaron en diferentes obradoiros e neste caso o Proxecto O Sabor da Aventura está no Mar organizou un obradoiro de recoñecemento de frescura no que os grupos participantes puideron identificar as diferentes características do peixe branco e azul así como ​os aspectos que hai que ter en conta á hora de ​diferenciar a frescura do peixe.

Esta última xornada foi clausurada pola Conselleira do Mar que entregou o premio ao centro gañador desta edición que foi o IES de Melide.

O Congreso foi un éxito e dende aquí a nosa felicitación a todos os centros participantes pola calidade dos seus proxectos e exposicións.

Excursión "O SABOR DA AVENTURA ESTÁ NO MAR" en Portonovo - Sanxenxo

O alumnado do IES Sanxenxo, xunto con rapaces e rapazas do instituto BG SEEKIRCHEN da cidade de Seekirchen en Austria, de intercambio no centro, participaron onte no programa O Sabor da Aventura está no Mar visitando a vila mariñeira de Portonovo.

A través dunha experiencia lúdico pedagóxica, o grupo tivo a oportunidade de coñecer a actividade diaria do porto e da lonxa, as características do traballo dos profesionais do mar de Portonovo, os produtos que capturan, así como as súas propiedades nutritivas, o seu sabor e a textura, na merenda mariñeira.

A visita comezou no porto e na lonxa, e estivo dirixida polo Patrón Maior da Confraría "San Roque" de Portonovo. Durante a visita ao porto, o alumnado descubriu a historia e costumes da actividade pesqueira de Portonovo, a tipoloxía de embarcacións, as modalidades de pesca, como o cerco, as artes menores e as nasas, a organización do sector pesqueiro e  o oficio de confección e reparación de redes e aparellos de pesca. Na lonxa puideron coñecer como se leva a cabo a primeira venda e comercialización dos produtos do mar.

A seguinte parada realizouse na praza de abastos, o que permitiu visualizar a gran variedade de produtos pesqueiros e marisqueiros que se poñen a disposición do consumidor así como os aspectos que determinan a frescura do peixe e a información que proporciona a etiqueta.

Por último e coa finalidade de coñecer os alimentos do mar desde o punto de vista culinario, o alumnado disfrutou dunha merenda mariñeira a base de produtos do mar na Casa Mariñeira de Don Fernando. Convertidos en chefs arroases, manipularon os alimentos e realizaron creacións divertidas. Ademais, realizaron catas para identificar os ingredientes que se empregaron na súa elaboración.

Xornada Mariñeira

A actividade realizarase en 3 días do mes de abril: 17, 23 e 24. Consistirá nunha excursión ao Grove e unha travesía pola Ría de Arousa a bordo da embarcación “Chasula”.

Pódense ver as condición completas neste ligazón

Os colexios seleccionados para realizar a actividade desta “Xornada Mariñeira a bordo de O Chasula” son os seguintes:

         - 17 de abril: CEIP Frián-Teis. Vigo – Pontevedra.
         - 23 de abril: CEIP Eladia Mariño. Cabanas - A Coruña.
         - 24 de abril: CEP Altamira. Salceda de Caselas – Pontevedra.

Os Arroases

Os Arroases

Os Arroases son unha cuadrilla de 7 nenos e nenas que coñecen moi ben a importancia de comer peixe.

Cada un deles ten un "superpoder" unido a cada unha das especies que se van repartir nos centros escolares no marco desta campaña (sardiña, xurelo, rodaballo, mexillón, troita, lirio, pescada). Os Arroases detectaron dende hai un tempo que a outros nenos e nenas non lles gusta moito o peixe e están dispostos a facer que as cousas cambien. Os seus superpoderes poden ser compartidos por todos eles! Para iso póñense en contacto cun pescador, Luis, e cunha cociñeira, Dona Mariña. Coa súa axuda, teñen a importante misión de facer chegar a súa mensaxe a todos os colexios. O final da aventura ten lugar precisamente alí, nos colexios!

O peirao virtual

O peirao virtual

Descarga esta fantástica ferramenta interactiva que che permitirá, mentres xogas descubrir e coñecer os secredos dun peirao.

Descarga

peirao virtual

 

Carta dos Arroases

Rapaces e rapazas:

Probablemente xa nos coñezades. Se non, ídenos coñecer moi ben, porque imos molestarvos durante un bo anaco.

A vosa profesora ou profesor xa vos contaría os que somos e canto nos gusta comer pescado, e como, grazas a isto, temos uns super poderes moi especiais. A nosa misión de hoxe é unha das máis importantes de cantas emprendemos.

Imos convencervos de que comades máis peixe. Por que? Entre outras cousas porque o noso amigo Luis, patrón de pesca, nos contou que a algunhas nenas e nenos non lles gusta demasiado o peixe. E iso é o mesmo que dicir que non lles gusta gozar de novos e riquísimos sabores, que non lles gusta crecer sans e fortes, que non lles gusta ter mellor vista, axilidade, intelixencia, forza, tranquilidade, enerxía e diversión. O peixe dános todo iso!

Resulta que ademais o peixe, e tamén o marisco, dan traballo a unha enorme cantidade de persoas que cada día se esforzan no mar e nas rías para traer de alí todo tipo de especies moi importantes para a alimentación de maiores e pequenos.

Se non comemos pescado, non só imos en contra da nosa propia saúde, senón que, ademais, deixámolos sen traballo!

Para comprender por que, cada un de nós vos preparamos unha actividade. A ver que tal resultan! Esperamos que moi ben. Xa nos contardes.