Rapaces e rapazas:
Probablemente xa nos coñezades. Se non, ídenos coñecer moi ben, porque imos molestarvos durante un bo anaco.
A vosa profesora ou profesor xa vos contaría os que somos e canto nos gusta comer pescado, e como, grazas a isto, temos uns super poderes moi especiais. A nosa misión de hoxe é unha das máis importantes de cantas emprendemos.
Imos convencervos de que comades máis peixe. Por que? Entre outras cousas porque o noso amigo Luis, patrón de pesca, nos contou que a algunhas nenas e nenos non lles gusta demasiado o peixe. E iso é o mesmo que dicir que non lles gusta gozar de novos e riquísimos sabores, que non lles gusta crecer sans e fortes, que non lles gusta ter mellor vista, axilidade, intelixencia, forza, tranquilidade, enerxía e diversión. O peixe dános todo iso!
Resulta que ademais o peixe, e tamén o marisco, dan traballo a unha enorme cantidade de persoas que cada día se esforzan no mar e nas rías para traer de alí todo tipo de especies moi importantes para a alimentación de maiores e pequenos.
Se non comemos pescado, non só imos en contra da nosa propia saúde, senón que, ademais, deixámolos sen traballo!
Para comprender por que, cada un de nós vos preparamos unha actividade. A ver que tal resultan! Esperamos que moi ben. Xa nos contardes.