Excursión "O SABOR DA AVENTURA ESTÁ NO MAR" en Portonovo - Sanxenxo

O alumnado do IES Sanxenxo, xunto con rapaces e rapazas do instituto BG SEEKIRCHEN da cidade de Seekirchen en Austria, de intercambio no centro, participaron onte no programa O Sabor da Aventura está no Mar visitando a vila mariñeira de Portonovo.

A través dunha experiencia lúdico pedagóxica, o grupo tivo a oportunidade de coñecer a actividade diaria do porto e da lonxa, as características do traballo dos profesionais do mar de Portonovo, os produtos que capturan, así como as súas propiedades nutritivas, o seu sabor e a textura, na merenda mariñeira.

A visita comezou no porto e na lonxa, e estivo dirixida polo Patrón Maior da Confraría "San Roque" de Portonovo. Durante a visita ao porto, o alumnado descubriu a historia e costumes da actividade pesqueira de Portonovo, a tipoloxía de embarcacións, as modalidades de pesca, como o cerco, as artes menores e as nasas, a organización do sector pesqueiro e  o oficio de confección e reparación de redes e aparellos de pesca. Na lonxa puideron coñecer como se leva a cabo a primeira venda e comercialización dos produtos do mar.

A seguinte parada realizouse na praza de abastos, o que permitiu visualizar a gran variedade de produtos pesqueiros e marisqueiros que se poñen a disposición do consumidor así como os aspectos que determinan a frescura do peixe e a información que proporciona a etiqueta.

Por último e coa finalidade de coñecer os alimentos do mar desde o punto de vista culinario, o alumnado disfrutou dunha merenda mariñeira a base de produtos do mar na Casa Mariñeira de Don Fernando. Convertidos en chefs arroases, manipularon os alimentos e realizaron creacións divertidas. Ademais, realizaron catas para identificar os ingredientes que se empregaron na súa elaboración.